CERVANTES-RUBÉN DARÍO-SHAKESPEARE

1616-1916-2016

TRES ESCRITORES: TRES CULTURAS

20151126_111300.jpg20151126_122926.jpg20151126_121934.jpg

 

 

Cargando galería...

No ano 2016 cúmprese, por un lado, o cuarto centenario da morte de dous escritores tan internacionais e influíntes da literatura universal, como son Shakespeare e Cervantes e, por outro, o primer centenario da morte de Rubén Darío, precursor do Modernismo e gran admirador da obra de ámbolos dous. Por iso, o Proxecto CampUSCulturae, en colaboración con ACIDE, asociación vinculada á USC,  celebrou esta data organizando unha exposición na Biblioteca Internacional CampUSCulturae da Diversidade Culturae para dar a coñecer este aniversario, non só á comunidade universitaria, senón tamén á poboación en xeral. Ademais, o día da inauguración, sábado 23 de abril, o parque de Fonseca estivo engalanado para a ocasión e celebrouse un acto no que interviron profesores da Universidade e contaremos con representación da Vicerreitoría de Cultura.

No referente á exposición, é preciso sinalar que o obxectivo da mesma reside, por un lado, na necesidade de mostrar algúns dos valiosísimos exemplares que alberga a nosa Universidade sobre os tres escritores e, por outro, evidenciar que é moito o que os une, malia non coincidir nin temporal, no caso de Rubén Darío, nin espacialmente. Non obstante, convén aclarar que non está no noso ánimo elaborar un traballo de investigación que poña de manifesto tódolos puntos en común entre Cervantes e Shakespeare, nin tampouco realizar unha análise sobre os elementos que aparecen na obra de Rubén Darío e que demostran a  profunda admiración que sentiu pola obra dos dous, senón aproveitar a efeméride para homenaxear a obra destes tres xenios da literatura, tendo en conta que existen numerosos aspectos que os relacionan. Así pois, sabemos que Shakespeare leu a primeira parte do Quixote, xa que o gran éxito que adquiriu a novela cervantina no século XVII provocou que se traducira rapidamente ao inglés, e temos constancia dunha obra cuxa autoría se atribúe ao escritor de Stratford, lamentablemente perdida, e que estaba inspirada no personaxe de Cardenio que aparece no Quixote. Ademais, o feito de vivir na mesma época motivou que as coincidencias estilísticas e temáticas das súas obras fosen máis ca simples casualidades. Do mesmo xeito, ninguén pode poñer en dúbida que os dous escritores atravesaron períodos de transición bastante similares, xa que a  sociedade isabelina na que viviu Shakespeare sitúase entre o mundo medieval e o moderno, do mesmo xeito que Cervantes é un escritor a cabalo entre o Renacemento e o Barroco.

No relativo a Rubén Darío, sabemos que honrou a figura de Cervantes e a súa obra como proba o feito de que escribira os poemas laudatorios "Un soneto a Cervantes" e "Letanía de nuestro señor don Quijote". Este último, foi composto en maio de 1905 e recitado nunha das moitas cerimonias de homenaxe a Cervantes celebradas para conmemorar o  tricentenario da súa novela.

Por outro lado, pódese afirmar que a pegada de Shakespeare en Rubén Darío é visíbel en numerosas composicións poéticas recollidas en obras tan famosas do nicaragüense como Cantos de vida y esperanza ou Azul, nas que o cita explicitamente, ademais dun artigo no que eloxia a obra do autor inglés, titulado “Shakespeare en la política hispanoamericana”.

Do mesmo xeito que Shakespeare recrea, nas súas obras, a Inglaterra do seu tempo, Rubén Darío ofrece unha peculiar imaxe da angustiosa situación finisecular que atravesa o mundo hispánico.  Asemade, Rubén Darío cita a Shakespeare e Cervantes, en numerables ocasións, como, por exemplo, no Prólogo de Prosas profanas, o que demostra que a influencia dos dous escritores na obra do nicaragüense é, daquela, indubidábel, xa que a forte admiración que o autor modernista sentía por eles proxectouse na súa obra.

No tocante á exposición, convén sinalar que se trata dunha mostra que inclúe parte dos fondos da nosa Universidade que teñen relación cos tres escritores homenaxeados, ben por estaren escritos por eles, ben por ser obras que versan sobra a súa vida. Dita selección de exemplares, tanto das obras máis importantes dos tres escritores, como dos títulos menos coñecidos, pero igualmente reseñables, obedece a criterios estéticos e filolóxicos, xa que o visitante non só pode desfrutar da beleza dos gravados e ilustracións que se atopan nos libros ou das fermosas e elegantes encuadernacións, senón tamén da evidente calidade que presenta o seu contido realizado por especialistas que prologan, comentan ou traducen as obras. Naturalmente, o visitante atopou edicións ilustradas das obras máis famosas de cada escritor, así como tamén biografías e libros curiosos sobre os tres autores ou exemplares editados no século XIX, pertencentes ao fondo histórico e á Biblioteca América.

Así, de cada autor optouse por escoller as biografías ou libros que versan sobre aspectos concretos da vida dos autores xa que, ante todo, esta exposición pretende ser unha homenaxe aos escritores. Por exemplo, para homenaxear a Cervantes, inclúense títulos centrados na súa vida ou na orixe do seu apelido, así como as súas obras máis importantes. Tamén quixemos facer un aceno á nosa terra, engadindo títulos que relacionan a Cervantes con Galicia, así como exemplares en inglés e obras que versan sobre a influencia do escritor alcalaíno na cultura inglesa. Dentro da súa obra, destacamos asNovelas exemplares, A Galatea, O Persiles ou a súa poesía, xa que non é tan coñecida polo público en xeral.

No relativo a Shakespeare, levamos a cabo unha selección das súas obras máis coñecidas, comoHamlet, Romeo e XulietaMacbeth, Otelo, O rei Lear ou O Mercader de Venecia, entre outras, así como tamén da súa poesía, deixando espazo, asemade, para as biografías ilustradas e para algún exemplar curioso sobre a súa vida.

Do mesmo xeito, o visitante puido contemplar as obras máis salientables de Rubén Darío: Azul, Prosas profanas e Cantos de vida e esperanza, xunto con outros títulos menos coñecidos, pero igualmente reseñables como o seu caderno de navegación ou unha seleción das súas misivas. 

Por último, é preciso indicar que cada exemplar estivo acompañado por unha cartela, escrita en galego, inglés e castelán, coa información bibliográfica e con comentarios sobre aspectos relevantes, tales como a edición, as ilustracións, o autor, etc.

Gustaríanos aproveitar este espazo para agradecer toda a axuda e o apoio recibido, especialmente, pola Directora da Biblioteca Xeral, Mabela Casal Reyes; a Subdirectora da Área de Cultura, Mercedes Rosón; Santiago Fernández Mosquera, Catedrático de Literatura Española e a Roberto Salgueiro, Director da Aula de Teatro da USC.

Cargando galería...

Formulario de contacto

Todos os campos son requiridos

Localización

Rúa Xosé María Suárez Núñez, s/n. Local de Alumnos da Facultade de Física. Campus Vida, 15782 Santiago de Compostela